Sons

Abertura

Aquí non pasa nada. Nada se vai amañar, nin derrubar. Non vén ningunha interpretación. Ningunha conclusión. Isto é o cabo solto dun fío de palabras que noutro tempo foron sons. Sons que un día resoaron aquí e acolá polo universo, nalgún recuncho do espazo, ou quizais só nun recuncho dunha imaxinación humana. Agora, mentres estas liñas pasan por diante dos teus ollos, a enerxía daqueles sons hai tempo que se extinguiu, e só queda o seu rastro pantasmal sobre a páxina. Todos calaron. Todos os sons, e quizais tamén todo aquel mundo e a súa xente. Pode mesmo ser que a mente que un día trazou eses sons no papel leve moito tempo sen respirar. Así como este mesmo instante pasou mentres lías esta frase, todos os instantes deste libro pasaron. Instantes e imaxes que se terían perdido no murmurio febril dos acontecementos do mundo se non quedasen rexistrados aquí. Foron rexistrados para se converteren nunha ponte entre o meu mundo e o teu. Unha ponte desde o meu mundo, no instante en que escribo estas frases, ata o teu, no instante en que te sentas a lelas. Desde este lado, eu desfago o fío das palabras, e desde o outro, ti recólelo. Coma na infancia, cando a Maman desfacía o fío de la das roupas vellas, e nós o colliamos e dabamos voltas pola casa para que a la non se amorease. Quizais a túa xeración chegou uns anos tarde de máis a aquel mundo da la, pero imaxina: unha vez, nalgún recanto do mundo, os nenos xogaban así. Agora eu desfago o fío das palabras, e ti recólleo e lévao para o teu mundo, para que non se amoree aquí, no meu mundo.

O libro comeza aquí. A edición galega completa está en camiño; mentres tanto, o libro enteiro pódese ler de balde: en persa, en inglés e en dinamarqués.

Sons